O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, visitará esta tarde as instalacións do club pontevedrés Mace-Sport, que participou no recente Campionato de España de Logroño, onde obtivo notables resultados.
A competición deparou dous campeóns de España: Miguel Ángel Cortegoso e Santiago Malvar Fernández.
Ao tempo, cabe calificar como éxito os resultados acadados na categoría de Exhibición, na que o Mace-Sport participou con catro equipos: tres de infantís e un de adultos. Cun total de 38 deportistas.
O primeiro equipo de Infantil quedou en primeiro lugar; o segundo acadou a terceira posición e o terceiro equipo pontedrés de Infantís quedou clasificado no quinto lugar empatado co cuarto e o terceiro. En categoría de adultos, o equipo pontevedrés acadou o terceiro posto.
Agustín Fernández concede especial importancia ao taekwondo como deporte referente en Pontevedra. E non só pola existencia de deportistas de moi alto nivel, senón polo papel que o club Mace-Sport está a xogar na promoción da cidade de Pontevedra. O torneo internacional que se celebra na recta final do ano constitúe unha cita deportiva imprescindible, pero tamén un evento que na súa última edición atraeu á cidade máis de 2.000 persoas. O concelleiro e o club están a traballar na potenciación decidida deste torneo.
