Preto de 300 atletas
desprazaranse a Pontevedra para participar na proba, clasificatoria para as
Olimpiadas de Londres
A cidade de Pontevedra acollerá o próximo domingo, 4 de
marzo, o Campionato de España de Marcha, unha cita deportiva que traerá a unhas
500 persoas, das que preto de 300 serán os atletas participantes nas distintas
probas. Ao tratarse de ano olímpico será a última proba clasificatoria para as
Olimpiadas de Londres, polo que se agarda o máximo nivel deportivo.
O evento completa un comezo de ano espectacular na
capital da provincia, que acollerá o torneo internacional de tenis junior ITF
en xaneiro, o campionato de España de natación junior en febreiro e o
campionato de España absoluto de marcha atlética en marzo. Todo elo, destaca o
concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, supón a demostración dunha aposta decidida
polo deporte en canto que polo de dinamización social, pero tamén de xeración
de riqueza económica e turística para a cidade.
Hoxe celebrouse unha xuntanza preparatoria, presidida
polo concelleiro de Deportes e na que participaron técnicos municipais e Luis
Saladie Lafuente, coordinador de Marcha de la Real Federación Española de
Atletismo; Isidoro Hornillos Baz, Presidente de la Federación Galega de
Atletismo, e Santiago Pérez Alonso, director Escola Galega de Marcha e
Responsable de Marcha da Federación Galega.
Acordouse nomear un comité organizador, presidido por
Agustín Fernández, e no que estarán presentes representantes das federacións
española e galega. O comité queda tamén aberto á participación, se así o
estiman apropiado, da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia.
A xuntanza serviu tamén para pechar o circuíto de 2 Km sobre o que se disputará
a proba, que foi cualificado como rápido e moi vistoso. Estará comprendido
entre a ponte dos tirantes, rúa Rafael Areses, ponte de Santiago e completarase
pola avenida de Buenos Aires. Trátase de recoller o espírito dos circuítos do
triatlón e da media maratón de Pontevedra, xa asociados en Pontevedra ás
grandes citas deportivas, polo que agárdase unha afluencia masiva de público.
Ademais, destacouse que vai permitir un contacto visual cos atletas case
permanente, algo insólito neste tipo de probas. Finalmente, valorouse a
proximidade do Estadio da Xuventude e do pavillón universitario, que ofrecen
posibilidades loxísticas adicionais.
Agustín Fernández destacou que a proba non vai supor un
impacto importante sobre o tráfico, ao celebrarse un domingo pola mañá. Nas
dúas pontes afectadas manterase un carril para a circulación, dado que a proba
ocupará dous carrís e un terceiro quedará para servizos e seguridade.
Isidoro Hornillos explicou que o horario comezará ás 9
horas coa saída dos 50 Km
masculinos en categoría absoluta. Ás 9.10 horas, saída da categoría junior e
xuvenil masculina (10 Km ).
Ás 10.15 horas, saen os homes en categorías promesa e veteranos (20 Km ). Ás 11.15 horas será o
momento das mulleres en categorías absoluta e promesa (20 Km ). Ás 12 saen as
mulleres júnior, xuvenil e veteranas (10 Km ). Ás 13 horas tócalle aos cadetes
feminino (5Km). Finalmente, media hora máis tarde parten os cadetes masculinos
(5Km).
Hornillos aclarou que as competicións nas distintas categorías vanse superpoñendo sobre o mesmo
circuíto. Segundo as categorías hai que dar 25, 10, 5 ou 2,5 voltas ao
percorrido deseñado. Así está previsto que a proba masculina absoluta dure en
torno a 3,40 horas, polo que o gañador entrará na meta sobre as 12.40 horas da
mañá. Pouco despois farao a campioa feminina.
A proba será unha oportunidade magnífica para contemplar
en acción aos mellores marchadores españois encabezados por María Basco, Jesús
Ángel García Bragado e, moi posiblemente, Paquillo Fernández, quen voltaría así
á competición.
En canto aos atletas galegos e locais, destacan
as posibilidades de medalla dos catro equipos galegos masculino e feminino en
categorías cadete e xuvenil-junior. A nivel individual haberá que estar moi
atentos á atleta absoluta Eva María Iglesias, ao junior Francisco Durán, ao cadete
Daniel Chamosa, á promesa Samantha Mulloni, á junior Rocío Carbia, ás cadetes
Carmen Escariz e Carmen Fuentes e, finalmente, á xuvenil Mar Chillón. Un
competitivo grupo que, na súa totalidade reside ou adestra en Pontevedra, e que
conta con serias opcións.