viernes 25 de noviembre de 2011

Comeza a instalación da herba sintética no novo campo de fútbol 7 da Xunqueira

Pontevedra disporá dun completo recinto deportivo dedicado á práctica do fútbol en canto rematen as obras de instalación de herba sintética e servizos no último campo de terra existente na zona da Xunqueira. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, visitou hoxe as obras que, cun custo de 271.000 euros, están sendo acometidos pola empresa “Xestión Ambiental”.

Despois de que durante os últimos meses se procedera ao acondicionamento e nivelación do terreo (eliminando os recheos e tocóns de árbores que había baixo a superficie), comezouse a instalar o novo pavimento deportivo.

Os traballos céntranse agora na colocación dunha malla de poliuretano, sobre a que irá unha subbase elástica e, finalmente, o tapiz de herba de última xeración. A herba, dotada de rego automático, será máis resistente, menos abrasiva e óptima para a práctica do fútbol.

O campo contará cunha dotación consistente nun xogo de porterías de fútbol 7, un xogo de banquiños, un marcador electrónico, bandeirolas abatibles para as catro esquinas, un módulo de vestiarios e aseos, peche perimetral e unha grada para 130 persoas sobre base de formigón.

Agustín Fernández, que amosou a súa satisfacción polo avance dos traballos, a pesar do atraso que supuxo a retirada dos tocóns do subsolo, explicou que o novo campo ten unhas medidas de 63 por 41 metros. As obras incluíron tamén a dotación de tuberías de recollida de augas pluviais, abastecemento de auga, saneamento e fluído eléctrico.

A área deportiva da Xunqueira pasará a dispor de dous campos de fútbol 11 e outros dous de fútbol 7, completando así a reconversión de toda esta zona nun moderno complexo futbolísti-co. Os catro campos quedarán completamente pechados mantendo unicamente entre eles o acceso peonil existente á Illa das Esculturas. De feito, o novo campo levará o seu pechamento ata a metade do actual acceso asfaltado aos vestiarios e as gradas apegadas ao pavillón mul-tiusos, deixando só un carril de servizos.

Na pestaña calendarios tedes a programación das distintas instalacións