Na pestaña calendarios tedes a programación das distintas instalacións

viernes 29 de mayo de 2009

Antonio García e Héctor Costa, do Sotavento, campión e subcampión galego de apnea

Os representantes do Club Sotavento viaxarán agora a Tenerife para facerse un oco no Campionato de España que terá lugar os días 11, 12, 13 e 14 de xuño.
Sen respiración. Os participantes do IX Campionato Galego de Apnea non puideron co segundo e mellor crono de Galicia, 5' 01'' (a só tres segundos da marca galega) e 4' 31'', respectivamente, na modalidade de apnea estática (aguantar a respiración boca abaixo na piscina). Despois de duros adestramentos o Sotavento sabía que tiña moitas posibilidades e demostrouno. Na seguinte modalidade, apnea dinámica (bucear a maior distancia posible sen respirar), Antonio García amosou de novo o seu grande estado de forma, acadando os 101 metros e adxudicándose así unha contundente vitoria en esta proba e na clasificación final. Héctor Costa renunciou á máxima gloria a fin de asegurarse a súa segunda praza na xeral, polo que quedou terceiro con 81 metros. Os campións do Sotavento viaxarán a Tenerife, xunto ao terceiro clasificado, para competir no Campionato de España de Apnea que terá lugar os días 11, 12, 13 e 14 de xuño. No estatal deberán superar tamén a modalidade de Jump-Blue e peso constante.

Ler mais......

lunes 18 de mayo de 2009

Os sabristas da Escola Hungaresa, entre os 24 mellores de España

Dani de Faveri, Manu Tudela e Manu Rey, da Escola Hungaresa, conseguiron clasificarse entre os 24 mellores de España no Campionato de España de M-15 celebrado o pasado sábado no recinto de As Rozas (Madrid).
Tras ter acadado hai dúas semanas o pase á Final do Campionato de España de Sabre M-15, os tiradores Dani De Faveri, Manu Tudela e Manu Rey remataron a tempada entre os mellores 24 sabristas de España na categoría M-15, confirmando así a súa proxección dentro do panorama da esgrima estatal.
De Faveri acadou a 11ª posición despois de pasar a primeira ronda sen apuros e caer en 1/8 de final ante Javier Velasco. Rey e Tudela remataron o Campionato de España nunha moi meritoria 21ª e 24ª posición, respectivamente. Deste xeito o Club Escola Hungaresa de Esgrima-Pontevedra confirma o bó traballo realizado durante esta primeira tempada de participación en competicións autonómicas e nacionais.
Por outra banda, este sábado terá lugar en Vigo o Campionato Galego de Sabre Junior masculino e feminino, onde a Escola Hungaresa de Esgrima agarda obter os bos resultados que vén colleitando durante toda a temporada.

Ler mais......

25.000 pontevedreses saen á rúa para apoiar a Gómez Noya e a todos os corredores

Máis de 8.000 persoas déronse cita nas inmediaciones da Ponte dos Tirantes para ver a saída da proba masculina da Copa de Europa de Tríatlon Pontevedra 2009. O grupo Vest, con Javier Gómez Noya á guitarra puxo o broche final dunha competición na que o ferrolán acadou o segundo posto.
A cidade de Pontevedra volveu demostrar que sabe responder ante citas de gran transcendencia. Os pontevedreses saíron en masa ás rúas para presenciar as dúas probas da Copa de Europa de Triatlón Pontevedra 2009. Máis de 25.000 persoas arroparon aos deportistas polas rúas da cidade, sobre todo na proba masculina, na que participaba o ilustre pontevedrés de adopción Javier Gómez Noya.
Das 2.000 persoas que se atreveron a ver a proba desde as 09.30 horas da mañá, os números foron en aumento. Finalmente, a poucos minutos do comezo da proba masculina, a organización estimou en 8.000 persoas os asistentes á saída dos corredores. Ademais, o estadio do Centro Galego de Tecnificación Deportiva apareceu cheo desde primeira hora da mañá. Pontevedra respondeu e así o deixaron patente os corredores galegos da proba, que recoñeceron sentirse arropados en todo momento por unha cidade na que o triatlón xa forma parte da súa vida.
Un total de 130 voluntarios encargáronse de repartir máis de 30.000 folletos informativos polas rúas e os buzóns da cidade, coa intención de que os pontevedreses coñecesen os horarios e percorridos da proba e os dispositivos de tráfico para facilitar o desenvolvemento da competición e o seguimento por parte dos espectadores. Ademais, axudaron en labores de atención dos deportistas. Tamén se despregaron 100 lonas por toda a cidade para promocionar a proba, así como máis de 2.000 carteis polos portais con detalles sobre a organización e o desenvolvemento da carreira.
En relación co dispositivo de tráfico despregado para a ocasión, a organización distribuíu máis de 80 sinais ao longo de todas as rúas afectadas polos cortes de tráfico. Máis de 1.120 valados marcaron o percorrido da proba. A seguridade foi o outro aspecto fundamental para a organización. O 100% do persoal de Protección Civil atendeu o desenvolvemento da competición; máis de 30 policías municipais encargáronse de velar pola seguridade da proba, coa axuda de 4 gardas civís. Tamén estiveron preparadas 4 unidades médicas distribuídas por todo o percorrido e na liña de meta, que se encargaron de atender as urxencias que foron xurdindo entre os deportistas. Unha patrulla de limpeza traballou durante a noite do sábado para deixar limpas as rúas de Pontevedra.
Tralas dúas probas, o grupo ferrolano Vest ofreceu un concerto no Pavillón do Recinto Feiral con Javier Gómez Noya á guitarra de invitado especial. O grupo, formado por Víctor de Froitos á batería, Rafael Gómez na guitarra e Xullo Gutiérrez como baixista, tocou un amplo repertorio con cancións propias e versións de temas rock dos setenta de artistas como Led Zeppelin, Jimi Hendrix ou Rolling Stones.

Ler mais......

miércoles 13 de mayo de 2009

Aberto o prazo para inscribirse no Torneo de Fútbol 7 Ponteverán

A Concellaría de Xuventude organiza, no marco da programación do verán Ponteverán, o primeiro torneo de fútbol 7 para mozos e mozas de entre 14 e 35 anos. A competición celebrarase os días 10, 11 e 12 de xullo nos campos de herba sintética de A Xunqueira e participarán máis de 50 equipos. O prazo límite de inscrición remata o 7 de xullo.

O deporte de Pontevedra non para por vacacións. No vindeiro mes de xullo terá lugar o primeiro torneo de fútbol 7 organizado pola Concellaría de Xuventude e o CAFyD (Clube de Ciencias da Actividade Física e do Deporte). A competición celebrarase os días 10, 11 e 12 de xullo e poderán participar mozos e mozas de entre 14 e 35 anos agrupados nas diferentes categorías.
As inscricións, que teñen un custo de 30 euros, poderán realizarse ate o vindeiro 7 de xullo ou ate que se cubra o límite máximo de oito equipos por categoría. Para realizar a inscrición os equipos interesados deberán contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Pontevedra situado na rúa Sor Lucía, no teléfono 986 840 367 de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, ou por mail á dirección de correo electrónico xuventude@concellopontevedra.es. Tamén poderán informarse a través da web do club deportivo CAFyD: http://www.cafydpontevedra.es/.
Este torneo nace da demanda dos mozos participantes nas actividades de fútbol sala e fútbol 7 do programa Noites Abertas, xa que se trata da actividade máis exitosa e demandada polos mozos entre 12 e 30 anos. O Torneo estará coordinado polo Clube de Ciencias da Actividade Física e do Deporte o mesmo que se encarga da coordinación de ditas actividades no programa Noites Abertas dende o ano 2004.

Ler mais......

lunes 11 de mayo de 2009

Todo a punto para a Copa de Europa de Triatlón do domingo, 17

A reunión de voluntarios que o Concello mantivo o pasado venres é a primeira actividade oficial deste evento deportivo. Arredor de 130 persoas participarán dende xoves a domingo na organización desta cita, que fará de Pontevedra o referente deportivo de Galicia nesta competición.
Todo está listo para acoller, o vindeiro domingo, 17 de maio, a proba da Copa de Europa de Triatlón, incluida dentro do Campionato Europeo de Triatlón, na cidade de Pontevedra. Percorrido, acollida de triatletas, plan de seguridade e tráfico, voluntariado… son algúns dos aspectos nos que o Concello de Pontevedra en colaboración coas federacións galega e española de triatlón estivo a traballar durante estes meses e que comezará a andar nesta mesma fin de semana.
O pasado venres a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, reuniuse no salón de actos do Concello cos 130 voluntarios que colaborarán na organización dos eventos previstos para o sábado 16 e o domingo 17. A programación presentarase oficialmente hoxe nunha rolda de prensa prevista para ás 11.45 no Centro de Tecnificación de Galicia na que estarán presentes a propia concelleira, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa e o presidente do Comité Organizador que a su vez é presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva.
No encontro que a concelleira e os técnicos do Instituto Municipal de Deportes mantiveron cos voluntarios no salón de actos informóuselles de que é ser voluntario, e se lles explicou o que se busca deles durante a organización da proba así como das contraprestacións que obterán (uniformidade, comida, seguro, avituallamento…). Moitos dos voluntarios que durante estas semanas se apuntaron para colaborar nesta proba, deberán estar operativos dende a mañá do xoves, o resto irase incorporando durante as horas seguintes, e o seu traballo será fundamental até o remate da proba, ás 15.00 horas do domingo.
Os voluntarios darán apoio aos corpos policiais e de seguridade que participarán na proba. O dispositivo de seguridade e tráfico xa está totalmente pechado, e nos vindeiros días se dará a coñecer á prensa e aos cidadáns para que coñezan restriccións, precaucións, e para solicitar a colaboración da cidade nesta Copa de Europa. O Concello de Pontevedra vén apostando dende o ano pasado por ofrecer á cidade un espectáculo sen parangón na vida deportiva de Pontevedra. Na primeira proba, celebrada en marzo de 2008, os cidadáns volcáronse cos triatletas e con toda a organización, de tal xeito que o Concello considerou prioritario, dentro da política deportiva de 2009, volver a disfrutar dunha proba destas características que servise para demostrar a gran acollida que Pontevedra dá ao deporte.

Ler mais......