A selección española de Hockei que aterrizou o pasado domingo no aeroporto de Peinador, visitou onte a nosa cidade nun acto de recepción co Alcalde e a Concelleira de Deportes, xunto a unha chea de rapaces que aproveitaron a ocasión para facerse fotos coas súas estrelas.
A selección española de hockey sobre patíns visitou Pontevedra nun acto enmarcado dentro da semana de concentración en Vigo co obxectivo de preparar o Campionato do Mundo que terá lugar nas cidades de Vigo e Pontevedra entre o 4 e o 11 de xullo. O Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á Concelleira de Deportes, María Dos Anxos Riveiro, recibiu á selección na Praza da Alameda de Pontevedra, nun acto que contou coa presenza inesperada de varios nenos e pícaras. O Alcalde, tras dar a benvida aos xogadores e amosar o seu desexo de poder albergar á selección, animounos a dar o máximo neste Campionato do Mundo. Así mesmo, asegurou, dirixíndose a Feriche, que "en Pontevedra animaremos a aquela selección que máis vos interese para os cruces de semifinais".
Lores aproveitou tamén a oportunidade para invitar á selección a gozar de Pontevedra nalgún outro día de descanso. Pola súa banda, Carlos Feriche puxo de manifesto a gran hospitalidade da que está gozando a selección "tanto en Vigo como en Pontevedra" e prometeu que os seus xogadores ían pór todo o seu esforzo "para conseguir facer historia e asinar o terceiro mundial consecutivo". Tralos parlamentos, os dous capitáns do equipo, Pedro Gil e Guillem Trabal entregaron unha camiseta da selección ao Alcalde co dorsal de Pontevedra.
