A reunión de voluntarios que o Concello mantivo o pasado venres é a primeira actividade oficial deste evento deportivo. Arredor de 130 persoas participarán dende xoves a domingo na organización desta cita, que fará de Pontevedra o referente deportivo de Galicia nesta competición.
Todo está listo para acoller, o vindeiro domingo, 17 de maio, a proba da Copa de Europa de Triatlón, incluida dentro do Campionato Europeo de Triatlón, na cidade de Pontevedra. Percorrido, acollida de triatletas, plan de seguridade e tráfico, voluntariado… son algúns dos aspectos nos que o Concello de Pontevedra en colaboración coas federacións galega e española de triatlón estivo a traballar durante estes meses e que comezará a andar nesta mesma fin de semana.
O pasado venres a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, reuniuse no salón de actos do Concello cos 130 voluntarios que colaborarán na organización dos eventos previstos para o sábado 16 e o domingo 17. A programación presentarase oficialmente hoxe nunha rolda de prensa prevista para ás 11.45 no Centro de Tecnificación de Galicia na que estarán presentes a propia concelleira, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa e o presidente do Comité Organizador que a su vez é presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva.
No encontro que a concelleira e os técnicos do Instituto Municipal de Deportes mantiveron cos voluntarios no salón de actos informóuselles de que é ser voluntario, e se lles explicou o que se busca deles durante a organización da proba así como das contraprestacións que obterán (uniformidade, comida, seguro, avituallamento…). Moitos dos voluntarios que durante estas semanas se apuntaron para colaborar nesta proba, deberán estar operativos dende a mañá do xoves, o resto irase incorporando durante as horas seguintes, e o seu traballo será fundamental até o remate da proba, ás 15.00 horas do domingo.
Os voluntarios darán apoio aos corpos policiais e de seguridade que participarán na proba. O dispositivo de seguridade e tráfico xa está totalmente pechado, e nos vindeiros días se dará a coñecer á prensa e aos cidadáns para que coñezan restriccións, precaucións, e para solicitar a colaboración da cidade nesta Copa de Europa. O Concello de Pontevedra vén apostando dende o ano pasado por ofrecer á cidade un espectáculo sen parangón na vida deportiva de Pontevedra. Na primeira proba, celebrada en marzo de 2008, os cidadáns volcáronse cos triatletas e con toda a organización, de tal xeito que o Concello considerou prioritario, dentro da política deportiva de 2009, volver a disfrutar dunha proba destas características que servise para demostrar a gran acollida que Pontevedra dá ao deporte.
