Na pestaña calendarios tedes a programación das distintas instalacións

lunes 18 de mayo de 2009

25.000 pontevedreses saen á rúa para apoiar a Gómez Noya e a todos os corredores

Máis de 8.000 persoas déronse cita nas inmediaciones da Ponte dos Tirantes para ver a saída da proba masculina da Copa de Europa de Tríatlon Pontevedra 2009. O grupo Vest, con Javier Gómez Noya á guitarra puxo o broche final dunha competición na que o ferrolán acadou o segundo posto.
A cidade de Pontevedra volveu demostrar que sabe responder ante citas de gran transcendencia. Os pontevedreses saíron en masa ás rúas para presenciar as dúas probas da Copa de Europa de Triatlón Pontevedra 2009. Máis de 25.000 persoas arroparon aos deportistas polas rúas da cidade, sobre todo na proba masculina, na que participaba o ilustre pontevedrés de adopción Javier Gómez Noya.
Das 2.000 persoas que se atreveron a ver a proba desde as 09.30 horas da mañá, os números foron en aumento. Finalmente, a poucos minutos do comezo da proba masculina, a organización estimou en 8.000 persoas os asistentes á saída dos corredores. Ademais, o estadio do Centro Galego de Tecnificación Deportiva apareceu cheo desde primeira hora da mañá. Pontevedra respondeu e así o deixaron patente os corredores galegos da proba, que recoñeceron sentirse arropados en todo momento por unha cidade na que o triatlón xa forma parte da súa vida.
Un total de 130 voluntarios encargáronse de repartir máis de 30.000 folletos informativos polas rúas e os buzóns da cidade, coa intención de que os pontevedreses coñecesen os horarios e percorridos da proba e os dispositivos de tráfico para facilitar o desenvolvemento da competición e o seguimento por parte dos espectadores. Ademais, axudaron en labores de atención dos deportistas. Tamén se despregaron 100 lonas por toda a cidade para promocionar a proba, así como máis de 2.000 carteis polos portais con detalles sobre a organización e o desenvolvemento da carreira.
En relación co dispositivo de tráfico despregado para a ocasión, a organización distribuíu máis de 80 sinais ao longo de todas as rúas afectadas polos cortes de tráfico. Máis de 1.120 valados marcaron o percorrido da proba. A seguridade foi o outro aspecto fundamental para a organización. O 100% do persoal de Protección Civil atendeu o desenvolvemento da competición; máis de 30 policías municipais encargáronse de velar pola seguridade da proba, coa axuda de 4 gardas civís. Tamén estiveron preparadas 4 unidades médicas distribuídas por todo o percorrido e na liña de meta, que se encargaron de atender as urxencias que foron xurdindo entre os deportistas. Unha patrulla de limpeza traballou durante a noite do sábado para deixar limpas as rúas de Pontevedra.
Tralas dúas probas, o grupo ferrolano Vest ofreceu un concerto no Pavillón do Recinto Feiral con Javier Gómez Noya á guitarra de invitado especial. O grupo, formado por Víctor de Froitos á batería, Rafael Gómez na guitarra e Xullo Gutiérrez como baixista, tocou un amplo repertorio con cancións propias e versións de temas rock dos setenta de artistas como Led Zeppelin, Jimi Hendrix ou Rolling Stones.