Na pestaña calendarios tedes a programación das distintas instalacións

jueves 23 de abril de 2009

Intensa xornada de waterpolo, este sábado na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

O conxunto pontevedrés disputará todos os encontros de liga -xuvenil, infantil, cadete e absoluta- este sábado na casa, ante Club Waterpolo Santiago. Os primeiros en xogar serán os xuvenís, as 16.30 horas.
Longa xornada de waterpolo a que toca este sábado. Todos os partidos da liga galega -xuvenil, infantil, cadete e absoluta- dispútanse este sábado pola tarde. O rival, o Club Waterpolo Santiago, ocupa o segundo posto na liga galega en absoluta. Os primeiros en debutar serán os xuvenís, ás catro e media da tarde. As expectativas non son moi alentadoras, as esperanzas de vitoria son poucas pero as ganas de facer un bo partido son máis que suficientes para saír á piscina do CGTD coa cabeza ben alta.

Ás seis menos cuarto (17.45 horas) é o turno dos infantís, que en este partido terán a oportunidade de facer historia e gañar a primeiro trofeo para as vitrinas do clube pontevedrés, pois cun único punto teñen máis que asegurado o título de liga. A gloria é o mínimo que se merecen despois de demostrar todo o seu poderío ao vencer no Campionato Galego Infantil de Inverno de Waterpolo.

A continuación xogarán os cadetes, que tratarán de sorprender aos seus afeccionados cunha vitoria ante os composteláns. O progreso do equipo cadete é o máis notable, sobre todo trala incorporación do xogador Pablito na portería. O encontro da categoría absoluta (previsto para as 19.45 horas) porá fin a unha intensa xornada deportiva na que participarán un centenar de waterpolistas de todas as idades. A tensión e o ambiente están máis que asegurados.