A pasada fin de semana celebrouse en Alicante o Campionato de España de Combate na categoría de Cadete, unha competición na que o clube de taekwondo Mace Sport destacou pola actuación dos seus cinco representantes.
Oscar Peón Lamas fíxose coa medalla de ouro despois de gañar na ronda final ao grupo catalán por 8 a 1. Este triunfo vén con premio dobre: a clasificación para o vindeiro Campionato de Europa de Combate que se celebrará en Croacia no mes de xullo.
A medalla de prata foi para Adrián Vilas. O pontevedrés comezou gañando ao Euskadi por 6 a 4 pero non puido cos outros dous rivais, Canarias e Cataluña, que llo puxeron máis difícil. .
Os outros tres deportistas non obtiveron medalla pero a súa calidade quedou patente na dificultade dos combates aos que tiveron que facer fronte. Rubén Simón Blanco gañou na primeira ronda ao taekwondista de Canarias pero saiu derrotado na segunda ante o Murcia.
Xian Silva Pazos gañou na primeira ronda ao deportista do País Vasco por 8 a 2 pero perdeu no último asalto por 7 a 8. María Domínguez Ferreira non puido coa catalana da primeira ronda pero deixou claro que é unha estrela a punto de explotar.
