O próximo mércores 15 de abril inaugúrase na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra unha mostra dos traballos realizados polo arquitecto pontevedrés Alejandro de La Sota para a construción do Pavillón Municipal de Deportes. O acto terá lugar ás 20 horas e contará coa presenza do Alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Lores, e da Concelleira de Cultura, Lola Dopico Aneiros.
A obra de De La Sota caracterízase polo racionalismo equilibrado. O Pavillón Municipal de Deportes, creado en 1966, é un bo exemplo de creatividade arquitectónica e simplicidade construtiva. Alejandro De La Sota foi un dos pioneiros na industrialización do sector da construción nos anos sesenta. Os seus edificios destacan pola excelente combinación de liñas claras e rectas e o rigor xeométrico, que o levaron a recibir ate en tres ocasións o Premio Nacional de Arquitectura.
