Moi boa resaca deixou o Campionato de España Junior de Natación celebrado en Castellón os días 27, 28 e 29 marzo. Unha vez máis a calidade do deporte pontevedrés quedou patente na actuación do clube de natación Galaico que se fixo con moitas das medallas da competición.

Francisco Javier Álvarez demostrou ser unha das grandes promesas pontevedresas en natación. Estudante de segundo de bacharelato, combina as clases co adestramento diario na piscina de Rías do Sur, grazas a unha beca do Centro Galego de Tecnificación. Campión galego en 400 metros estilos, trala actuación de Castellón suma ao seu medalleiro dous novos ouros, os 400 e 200 estilos, e un bronce, os 200 bolboreta.
Aos seus 14 anos, a pontevedresa Laura Valiñas segue a ser a mellor de Galiza na súa categoría. Mostra da súa calidade é a medalla de prata obtida na proba de 400 estilos do Campionato de España Júnior, na que xa partía como favorita. Nos 200 metros costas e nos 200 estilos tamén destacou polos bos resultados ao acadar o cuarto posto en ámbalas dúas probas.
A revelación foi Alejandro Rodríguez. O vigués, que tiña a oitava marca, sorprendeu aos seus rivais ao facer os 200 metros costas en só dous minutos e nove segundos, obtendo asi a medalla de bronce.
Desde o Instituto Municipal de Deportes, ¡noraboa!
