A piscina da Escola Naval Militar de Marín foi o escenario de abraiantes coreografías con motivo da Competición de Rutinas Técnicas de Base celebrado o pasado 25 de abril. O Club de Natación Sincronizada de Pontevedra, organizador do evento, sumou 44 puntos e avanza un paso máis cara o título de campión galego na categoría de base.
Espectacularidade e alto nivel foron as notas básicas que caracterizaron a Competición de Rutinas Técnicas de Base. A proba, que se disputou o pasado 25 de abril na Escola Naval Militar de Marín en horario de mañá, resultou ser unha das mellores exhibicións do esforzo e traballo dos clubes galegos de natación sincronizada. As actuacións destacaron pola gran preparación, que se deixou ver nas puntuacións tan axustadas. A novidade de esta edición foi a instalación de dúas plataformas, unha para saída das nadadoras, e outra, máis elevada, para os xuíces da competición. Os primeiros en saltar a auga foron os equipos de Base I con catro rutinas, a continuación foi o turno da categoría de base II con outras seis rutinas.
O Sincro Pontevedra, segundo clasificado nas dúas categorías, suma 44 puntos máis cara o Campionato Galego de Base, cuxa derradeira xornada será o vindeiro 6 de xuño. O Sincro Pontevedra loitará polo título co Sincro Ourense.
RESULTADOS
Na categoría base I os tres primeiros clasificados foron:
1º Natación Galaico – SERCOYSA con 19,167 puntos
2º Sincro Pontevedra con 17,167 puntos
3º Sincro Ferrol con 17,000 puntos
Na categoría base II:
1º Aguamarina Sincro de A Coruña con 22,500 puntos
2º Sincro Pontevedra con 21,833 puntos
3º Sincro Ourense con 19,000 puntos
