Na pestaña calendarios tedes a programación das distintas instalacións

martes 14 de abril de 2009

Brenda Fontán, do Club de Loita Pontevedra, acada o título de Subcampiona de España de Loita Olímpica

Actual campiona galega de loita e, dende febreiro, peza chave da selección autonómica, Brenda Fontán era a favorita no Campionato de España de Loitas Olímpicas do pasado 1 de marzo. A pontevedresa chegou ao podio como estaba previsto, pero o cansazo puido coas ganas de acadar a medalla de ouro. Despois de duros combates Brenda conseguiu chegar ao encontro final, onde comezou gañando no primeiro período, pero non puido nos dous últimos onde foi derrotada. Porén, o segundo posto é mostra suficiente da súa calidade deportiva.
Esta fin de semana é o turno das categorías junior e escolar, reunidas no Campionato Galego de Loita que se celebrará en Begonte (Lugo). O Club de Loita de Pontevedra acudirá representado por Marcos Sanmartín, Jose Carlos Ramírez e Fran Fontán na categoría escolar e Manuel Pena na júnior. A subcampiona Brenda Fontán participará tamén en 51 quilogramos de loita libre olímpica. Os mellores clasificados serán os encargados de representar a Galiza no vindeiro Campionato de España de Loita que se celebrará en Barcelona.